No meu contorno teño sona de desorganizado porque levo corenta anos acumulando papeis, libros, cintas magnetofónicas, e agora Cds e Dvds de xeito anárquico, de maneira que só eu poido controlar esas “bases de datos” constituidas por montós informes situados nos lugares máis inverosímiles.

Durante moito tempo valeume de disculpa a de que non podía dedicarme a arquivar convenientemente todo ese material porque as actividades diarias me impedían proceder sistemáticamente e chegar a conseguir un arquivo como Deus manda, ou como o sentidiño común parece esixir. Pero esa disculpa xa non me vale porque levando dous anos xubilado a situación organizativa non parece ter mellorado moito.

Pero se esa disculpa non vale para min, o concello de Lugo ponse da miña parte aportando información –sobre todo gráfica- de cómo pode estar o arquivo dunha institución oficial e que todo siga a funcionar con normalidade.

A xuiza De Lara, que investiga o caso Pokemon, tenlle pedido ao concello de Lugo diversa documentación, da que parte aínda non foi presentada por dificultades materiais derivadas do estado en que se encontra o material de arquivo, que sufríu unha inundación e no que – se nos atemos a documentos gráficos publicados- reina unha anarquía absoluta.

Se esto ocorre nunha institución oficial con centos de funcionarios, onde se supón que hai que conservar a documentación en situación de revista, e máis nestes tempos onde a informatización é moeda de curso legal, xa teño argumento abondo para resistir nas miñas posicións de trincheiras documentais mentras o corpo aguante. Que a min váleme esa xustificación, pero a quen corresponda – no concello de Lugo–, e os responsables son sempre políticos, debería caerlle a cara de vergoña, no mellor dos casos por manter así un arquivo público (ou parte del) máis propio dunha situación de guerra, de total incuria ou de absoluto desprecio.

Copyright © 2026 Xulio Xiz. Todos os dereitos reservados