Non recordo onde nin cando, pero eu teño visto ou escoitado un slogan publicitario que afirmaba “Podemos, sabemos e queremos”. Desto, hai décadas, pero a tozuda actualidade encárgase de poñelo de manifesto de novo.

En base aos resultados electorais e á presencia pública de “Podemos” -que demostrado está que tamen saben e queren, a forza ten garantido un papel importante na nosa sociedade, reafirmado por unha enquisa do Gabinete de Estudos Sociais e Opinión Pública, que indica que este movemento conseguiría nas próximas eleccións xerais un 15% dos votos (entre 56 e 58 deputados), situándose en 3º lugar despois do PP e do PSOE.

Segundo a enquisa o histórico Partido Comunista (agora Izquierda Unida) conseguiría pouco máis da cuarta parte deses escanos, o mesmo que Converxencia e Unió, Esquerra republicana de Cataluña e Upyd. Todo, a costa do PP, que conseguiría arredor de 125 escanos e o PSOE, con menos de 90.

Sabido esto, se os partidos tradicionais tivesen un mínimo sentido da realidade estarían tocando a rebato para poñer remedio a un problema que non fará máis que agudizarse porque os cidadáns convertidos en votantes podemos facer calquera cousa cando estamos cargados de razón. E o caso é que o paso do tempo, o comportamento dos gobernantes e a situación do país foron cargándonos de razón. E cando un obxecto –tamén unha persoa- está cargada dunha forza acumulable, ou vai perdendo pouco a pouco esa carga, descargándoa a terra, ou acaba por producir unha descarga que pode ser mortal.

Así estamos os cidadáns votantes: cargados dunha enerxía, neste caso negativa, que temos que descargar polas boas ou polas malas. Ogallá que o verán nos dea algún motivo para rebaixar esta nosa carga acumulada, descarguemos a tensión, e como dicía a canción “Cuando llegue septiembre todo será maravilloso”. Pero todos, escépticos ou incrédulos, sabemos que non. Que non van poder, non van saber, non van querer.

Copyright © 2026 Xulio Xiz. Todos os dereitos reservados