Hai poucos días, estivemos en Lugo e en Vilalba presentando entre amigos un libro de Domingo Goás, e naquel acto anunciou que en poucos meses nos [FOTO1]presentaría unha nova obra froito da conxunción da súa experiencia sudamericana de hai case corenta anos e unha extraordinaria memoria que lle permitía revivir calquera aspecto da súa intensa existencia.

E precisamente hoxe, no xornal el Progreso, Paco Rivera Cela publicaba a extensa e intensa entrevista que con aquel motivo sostiveron os dous.

E hoxe, Venres Santo, temos o difícil labor de despedir o polifacético amigo que ven de deixarnos, precisamente na terra común que tanto amou, na Vilalba das súas lembranzas infantís, das súas fondas e destacadas raíces familiares, na que vivíu sempre a pesar de que a súa vida intensa o levou por todo o mundo. Sempre con Vilalba como norte.

Domingo foi un namorado de Vilalba e amigo de todo o mundo vilalbés. Foi un estudioso da sociedade, do ser humano; foi un namorado do amor, un home familiar, dedicado á súa xente; un home xeneroso, entregado, gardador fiel da memoria do grande amor da sua vida ao que lembraba de xeito especial cada setembro no que unha viaxe á Suiza onde Lotti repousa, acompañado de amigos, marcaba cadanseu fito de memoria perenne.

Proba da súa xenerosidade foi a creación da Cofradía do Capón para difundir en Galicia, en toda España, ata en Roma, as excelencias do noso primeiro produto gastronómico.

Quen ven de deixarnos, tiña a honra de ser un precursor, un avanzado, ao ter sido – na súa vocación de home de Leis- o primeiro español que defendeu un tema legal diante do Tribunal de Estrasburgo, mesmo antes de que España entrase na Unión Europea.

E foi en vida un clásico nos estudos urbanísticos, nas planificacións de grandes espazos, na promoción e racionalización do mundo da promoción inmobiliaria.

[FOTO2]Domingo tiña unha atracción irresistible por Galicia, e por Vilalba en especial. En Vilalba tiña amigos “de toda a vida”; que sabía cultivar, cuidar, a amizade. Vilalba era o seu Macondo, a súa raíz, formaba parte da súa familia, e agora xa sabemos que tamén era o seu destino. O seu fin.

Desde hai anos, en Vilalba temos a “Rúa Dr. Domingo Goás” que o concello vilalbés dedicou ao seu pai como agradecemento ao singular papel que na sanidade e sociedad vilalbesas desempeñou Domingo Goás Canto que xunto coa súa dona Pilar Chao formaron exemplar familia vilalbesa.

Descanse en paz o vilalbés Domingo Goás Chao, que xa por sempre vivirá na terra dos seus devanceiros, na súa terra por fervoroso dereito de conquista permanente, que hoxe chora a súa perda despedíndoo como fillo garimoso que, ao final, volveu ao fogar de partida para nunca máis deixalo.

Copyright © 2026 Xulio Xiz. Todos os dereitos reservados