En Lugo falamos de polbo, agora que se achega o San Froilán, e de cine, que para iso estamos a celebrar a anual Semana de Cine. Tamen de política, claro, que o 25 imos votar como queremos que sexa o noso futuro político.
Falamos de polbo porque aínda que en Lugo e provincia hai numerosos e destacados establecementos dedicados a vender polbo, especialmente polbo á feira, cando se achegan as festas a tradición esixe que se vaia degustar nas casetas instaladas á beira do parque, hoxe auténticos restaurantes, nada que ver coas casetas de hai corenta anos, que a hostelería sanfroilaneira mellorou a ollos vistas e a tradición robusteceuse.
O do cine tamén rexistra unha progresión importante desde que a Semana comezou en 1979 e os nenos que daquela vían cine infantil van hoxe cos seus fillos a ver cine de nenos, e a terceira semana de setembro de cada ano hai en Lugo unha invasión cinematográfica que desborda por toda a cidade.
O da política non evoluíu, non progresou como debera, e parece un dejá vue, sen que o presente e os futuros previsibles anuncien resultados sorprendentes; moito menos revolucionarios.
O do polbo aínda pode ter amaño se o aparentemente mal resultado do
concurso convocado para adxudicar casetas e caldeiros para estes catro anos, chega a bo fin e resulta ser algo máis ca un negocio planteado con pretensións de bloquear ou controlar o exercizo dos industriais lucenses que levan décadas atendendo ao público no San Froilán.
O do cine, fábrica de soños, ten resultado previsible, que desde Calderón- toda a vida é un soño e os soños, soños son. E o da política, case ven sendo un sono. E ben sabemos distinguir os galegos entre sono que é dormir e soño que é soñar con posibilidades ilimitadas, como en tempos se soñou Se se amaña o do polbo, dos caldeiros e das casetas, e as historias do cine colman as nosas ilusións, só falta que agora ou en calquera momento os políticos esquezan o sono e nos permitan soñar cun mundo diferente no que lles imos permitir seguir sendo protagonistas, sempre que nos deixen participar en facer realidade algún dos nosos soños, polo de agora imposibles.