[FOTO2]A maior parte do tempo que pasei con María José Penso foi máis preto do ceo que onde transcorre habitualmente o noso camiñar e ver… aínda que esa diferencia de “nivel” non fose máis ca de tres ou catro metros. A maior parte do tempo da nosa relación foi no alto do palco da praza de Pastor Díaz, nas mostras folclóricas infantís, das que compartimos trinta e tantas.

Porque María José era a mestra preparadora -oficio de nai artística e cultural con centos de nenas e nenos- dos bailadores de Pindusa, Bazar, Zeltia, Ledaíña… os pequenos de Bágoas da Terra, moitos dos que logo se integrarían no grupo de maiores para que a tradición siga cada vez con máis forza.

¡María Jose, esta cinta que se me desatou!... E María José acudía a solucionar o que para a nena era todo un drama… ¡María José, que me quedou na casa o sombreiro!... E María José facía aparecer un sombreiro para completar o atuendo… ¡María José, estou moi nerviosa!... María José!!!

E María José estaba en todo, atendía a todo e a todos, agarimaba ou reprendía levemente para que todo se fose harmonizando, para que a posta en escea fose perfecta, para que a ilusión infinita dos danzantes fose parella ao irrefrenable entusiasmo das súas familias que agardan sempre o miragre da arte desde os primeiros pasos, desde as idades máis novas.

Coñecín ao seu home, Toñín Colosía, falecido hai xa ben anos, e souben da súa sona como antroideiro importante do importante antroido viveirense co alcume do “Conde do Sal”. Quero ás súas tres fillas, Berta, Lucía e Mercedes, membros activísimos de Bágoas da Terra desde que aprenderon a andar. Coñezo e quero a Cruz, súa irmá, e Juan, seu cuñado (e á filla destes), bailaríns e mestres. María Jose, Cruz e Juan [FOTO1]foron puntais de Bágoas. Son puntais esenciais de Bágoas, aínda que a saúde de Cruz e Juan marquen distancia física; aínda que a morte traidora levounos físicamente a María José.

María José bailou con Bágoas nos tempos heroicos da agrupación, percorrendo unha amplísima xeografía, vivindo centos de acontecementos musicais, organizando, colaborando, disfrutando… E foi mestra de centos de pequenos. Os nenos respectábana, pero sobre todo queríana… Sen María José sabíanse perdidos; con María José todo era posible.

Porque alí arriba, no lugar máxico do palco da Mostra, tres ou catro metros sobre o chan, estase máis preto do ceo, nas portas do ceo, como calquera que teña estado alí pode acreditar. Alí, a tensión é permanente antes de saír á escea. E ao remate, os aplausos do público, devólvennos a unha realidade feliz no que todo está ben, no que todo esforzo queda compensado.

María José levaba moito tempo ás portas do ceo. E ao mellor, de repente, o seu corazón, sen ela sabelo, intuindo o ben que alo arriba se estará, quixo dar un paso máis e levala ao ceo de verdade.

Non somos quen para opinar se o seu corazón estivo acertado en traspasar as portas que desde o alto daquel palco se adiviñan. Só podemos, e eu quero facelo, dar testemuña a toda a súa familia do agarimo que María José despertaba, e da seguridade de que nese ceo ao que todos agardamos ir algunha vez, anda xa a nosa amiga bailando e facendo bailar a todos os nenos e nenas que sinten que teñen alas nos pés, e unha inquedanza na alma que seguro que se pode calmar de moitos xeitos, pero que María José estará conseguíndoo decíndolle a cada un deles:
Levántate, e baila!!!.

Xulio Xiz é o presentador desde 1979 da Mostra Folclórica Internacional de Viveiro, que organiza Bágoas da Terra.

Copyright © 2026 Xulio Xiz. Todos os dereitos reservados