Hai lugares míticos ou máxicos que hai que visitar para vivir realidades intanxibles, diferentes. E un deses lugares está en Galicia, e chámase o San Andresiño de Lonxe, San Andrés de Teixido, onde o imaxinario galego aprendeu que irá de morto o que non foi de vivo.
Pois hai outros lugares aos que hai que ir de vivo, e canto máis novo mellor, para empaparse do ambiente que alí se respira, para contaxiarse do espíritu que goberna aquel lugar, aquela paisaxe, aquela arte.
[FOTO1]Un deses lugares máxicos da Terra Chá, está preto de Vilalba, en Baamonde, mesmo á beira da monumental igrexa parroquial e do triple cruceiro, á beira do Camiño do Norte a Compostela.
A porta da entrada pode constituila un vello castiñeiro, inmediato á igrexa -hai unha asociación cultural en Baamonde que por iso se chama Castiñeiro Milenario- que coidamos que é o único castaño vivo no mundo que ten unha capela da virxe no seu interior.
O escultor Victor Corral, cando hai moitos anos, viu que a árbore estaba morrendo, alomenos parcialmente, ocorréuselle tallar, para que non a cortasen, unha capela na honra da virxe do Rosario no seu interior, e moito tempo despois, agora mesmo -parece un miragre- a árbore mantense viva por fóra, e dentro ten a que seguro é a máis orixinal capela de Galicia. Victor Corral, sobre este feito, agradece a oportunidade:
Dou grazas a Deus
por deixarme poñer as mans
no rei dos castaños.
Pero esto só é a entrada, porque subindo a costiña á beira da igrexa, chegamos á casa-museo de Victor Corral, onde non hai establecidas indulxencias pola visita, pero si hai garantía de boa acollida, de satisfacción de espíritu, de tranquilidade compatible co asombro e a admiración que despertan todos os elementos que nos rodearán.
Porque Victor Corral, de familia de once irmáns, nado en Baamonde, que emigrou para admirar a súa terra desde lonxe, era artista desde moi neno e demostrouno cando de pequeno cando ía coas vacas ao monte e dedicaba o longo tempo libre a gravar nas lousas (unha atopárona os veciños e déronlla moitos anos despois) tallando pedras, ou esculpia cunha navalla no soporte artístico que tiña máis de preto esculpís no corno das vacas para ir deixando pegadas artísticas por todo o seu mundo. Mirando para a nenez, lembra e escribe
Neste fermoso lugar
que Deus creou
vivín parte da miña infancia
de pastor e labrego;
sembrei trigo e medrou,
esculpín miniaturas e hoxe son escultor.
E cando volveu á terra, sendo xa moi grande artísticamente, quixo ter casa de artista e nunha costiña que coroa o pobo de Baamonde ergueu coas súas mans, pedra a pedra, unha casa tradicional na que vivir, e encheuna de arte e de vida.
E a parte alta foi e é a vivenda, e a parte baixa museo e taller. E o contorno tamén é museo para completar a definición de Casa-Museo para o marco físico da vida de Victor Corral. Que normalmente os artistas teñen museo cando morren, pero o vital Victor Corral goza e comparte ese gozo- de museo en vida porque como todo o que toca se convirte en arte, encheu de arte a súa vida e e os lugares donde a súa vida e a da súa xente- transcurre. O poeta que nos identificou aos chairegos coa terra e coa xente, Manuel María, escribe a Victor Corral, de Victor Corral:
A túa escultura, pura como a rosa,
con recendo a terra e primaveira
é un asombro total, unha fogueira,
unha paixón fervorosa.
A súa nidia verdade temblorosa
ten unha forza fatal e verdadeira
pois agroma da pedra ou da madeira
como clara fontela misteriosa.
Ti fas, Victor Corral, case da nada,
un mundo necesario de esperanza,
aberto á maravilla inagardada
E sementas en nós, ben sementada,
unha firgoa de luz e unha inquedanza
de beleza perfecta, outa e sagrada.
A súa casa está sempre aberta, e no exterior xa nos saúdan as súas obras petreas de maiores dimensións
unha muller espida (Eva) que simboliza a natureza ou o mundo; unha vaca dando de mamar a un becerriño
e un pombal onde están incrustadas pedras de todo o mundo
Según Victor, son:
Cunchas de coral, ágatas,
rosas do deserto,
amatistas e seixos de cristal
parece que gardan sentimentos,
historias que contar.
Pois elas foron da pedra ao brillante
como a semente ao rosal.
E mesmo hai unha fermosa capela, mostra de devoción do seu creador, tamén feita polas súas mans
e ducias de obras grandes ou pequenas en tamaño; grandes todas en intención, inmensas en perfección.
E alí, sempre, Victor, cos brazos abertos para o visitante, e unha palabra garimosa, e unha mirada limpa, e un ánimo fraterno que abre portas e conquista corazóns. Porque o que se atopa naquela casa-museo é Arte en esencia.
Non esquezo que vimos a Vilalba, á capital do noso mundo chairego, presentar un libro que así se titula Arte en esencia- pero o libro non fai máis ca ser reflexo claro do que Victor sente, do que a súa casa reflicte, e para eso na súa portada aparece Victor no seu paraíso natural e de arte, como invitación para entrar nel; para compartilo con todos nós.
O libro é un conxunto de contraposicións. Ou de complementos. Porque enfronta fotografías das súas obras de arte con poemas da súa autoría, facendo ademáis un percorrido poético pola súa persoa e pola súa obra, de autores consagrados ou de visitantes sensibles que non quixeron (ou non puideron) resistirse a expresar con liberdade o que sinten diante das obras deste singular creador. Díxoo Marica Campo:
Victor Corral, as mans aluaradas,
Victor Corral, os ollos en xaneira,
Victor Corral, a pedra e a madeira
Seducidas por ti e namoradas.
Pedra e madeira; bronce ou marfil, as obras de Victor chegan a todos nós, porque non teñen artificio; son anacos de natureza que as súas mans incribles, gobernadas por un cerebro ssensible e creador, evidencian que no mundo da arte non está, nin moito menos, todo dito
senón que moi de cando xorden seres privilexiados que nos sorprenden cunha perfección imposible.
E fronte á imaxe que se nos ten mostrado do artista doente, sufridor; do artista inconformista, enfrontado a todo e contra todos, en Victor atopamos o artista feliz, contento coa súa sorte, o artista familiar e humano, que quizais tamén por ser membro dunha familia de once irmáns- pode e sabe decir:
A familia é árbore sagrada.
A educación e o amor fan a persoa
máis humana.
E con isto, case está todo dito dun artista que, non esquezamos, o seu Concello declarouno Fillo predilecto de Begonte, e leva toda a súa vida falando coas súas mans; conseguindo que as súas mans produzan obras de arte que falan e convencen; que se expresan e conquistan, como viñeron decir Xosé Neira Vilas e Anisia Miranda:
O artista soña, reza, canta nesas pedras divinas e humanas
nestes seres xigantes ou miniaturizados-
que falan, choran, inquiren, protestan, sofren, aman
Cando falo de Victor falo da súa casa-museo; e ao falar da casa-museo, falo da súa obra
e polo tanto falo deste libro que é un compendio de pensamentos del ou sobre el
que é unha proba testemuñal da variedade e intensidade da súa obra
que é tamén pedra rosseta na que ler para atopar o Victor máis humano, que conquista de xeito definitivo cando fala da súa filla Belén:
Belén: Ti es feliz ollando unha flor
porque a pureza do teu corazón
é de Deus
e a beleza do teu amor
é unha espiga dourada ao sol.
E unha das obras de arte máis estimadas da súa casa é un retrato de Belén feito polo noso veciño vilalbés José López Guntín.
[FOTO2]
Os grandes da terra, os grandes de verdade, teñen o corazón inmenso, e a humildade por bandeira. Pois así é Victor Corral, grande e humilde; artista inmenso e home de ben; fillo predilecto de Begonte e humilde chairego -védeo no libro- que mesmo dispón manda para o día despois:
O día que me vaia
nin rir nin chorar.
Grazas por rezar.
Pero ese día conta que estea con el a súa compañeira de sempre:
María Etelvina,
Nai de María Belén e de Eva María.
Así es,
Muller miña,
Señora do meu sentir
E compañeira á hora de partir.
Vede e lede o seu libro. Arte en esencia é sinceridade, humildade e humanidade. Inmenso, eterno, Victor Corral.
(Texto lido por Xulio Xiz en Vilalba, na presentación do libro de Víctor Corral "Arte en esencia", organizado polo Instituto de Estudos Chairegos).