O Camiño (os camiños) que por centos de anos contemplaron o paso dos peregrinos cara a Capital de Occidente, foron guadianas a mercede da memoria e da fe, das xentes e da vida, de xeito que en tempos difíciles -aínda que a fe permanecese intacta- factores económicos ou sociais primaban sobre as crenzas e arredaban da ruta aos que ben quixeran camiñar pero aplicaban aquela máxima da nosa nenez de que “Deus non pide imposibles”.

E os camiños languideceron e morreron, se é que un camiño pode morrer canto se abandona ou se esquece.

O que resultou ser o Camiño por excelencia, o dos Francos, o que a tradición quere que siga na terra o que o Camiño das Estrelas marca no ceo, non foi excepción, e cando Cunqueiro andivo polo Cebreiro a comezo dos anos sesenta e preguntou se por alí pasaban peregrinos, a resposta que obtivo foi que o ano anterior pasaran por ali dous camiño de Compostela.

E tiveron que cambiar os tempos, e aparecer un varón santo chamado Elías Valiña que se botou ao Camiño a recuperalo, a marcalo, a revivilo… e lentamente obrouse o milagre da resurrección… que se os camiños pode entenderse que viven ao ser utilizados e morren ao ser esquecidos, ben pode entenderse que resucitan cando volven á “vida”.

E tomamos conciencia de que o que entendíamos como Camiño de Santiago non era tal, porque non era un só, senón que eran moitos os Camiños, chegándose a decir que cada peregrino marcaba un camiño; que cando pasaba un peregrino facía un Camiño a Compostela.

E descubrimos que antes ca o Francés houbo un Camiño Primitivo que viña desde Oviedo, e un Camiño do Norte que pola costa chegaba a Ribadeo, pasaba por Lourenzá e Mondoñedo… e chegaba a Vilalba. E resulta que eu, que nacín na Porta de Cima vilalbesa, nacín e vivín á beira do Camiño sen sabelo, que ninguén dos meus veciños soubo que vivía á beira dun Camiño milenario ata que, entrando neste século, soubemos que o Camiño do Norte estivo agardando por nós desde o descoñecemento, o esquecemento, a ignorancia.

Para estas accións, como para tantas outras, fan falla apóstolos. Fan falla especiais persoas que, creendo e sabendo, abran camiños ás ideas, á memoria, ao coñecemento. E do mesmo que Elías Valiña foi o apóstolo do Camiño dos Francos, houbo neste Camiño do Norte apóstolos que “abriron camiños”, “inventaron camiños” (no sentido verdadeiro de “descubrir” para inventar), destacando o que hoxe honramos que –mesmo polo nome- parecía predestinado a vencellarse ao Camiño do sepulcro do Señor [FOTO1]Santiago.

Santiago Iglesias Dobarrio, mestre con raices na terra moito máis que milenaria de Duarría, na terra dos Valuros de Castro de Rei, exerceu de educador en Abadín, onde a Chá limita coas terras do Asma e da Corda, onde foi Alcalde, e onde soubo que en tempos pasados discurría un Camiño glorioso polo que, movidos pola fe, innumerables pergrinos das terras do norte buscaban a gloria, o perdón e a paz no Campo de Estrelas onde repousaba Santiago na paz do Señor. E fervoroso como era, entusiasta do seu e dos seus, entregado home de fe, comezou a poñer as bases do edificio que hoxe disfrutamos, para comprender aos peregrinos, para entender as súas razóns, para atendelos nas súas necesidades, para que o río de xentes que fluía polo Camiño, atopara canle axeitada para o seu discurrir.

E axudou a crear “Abrindo camiño”, vocacional asociación vencellada a este Camiño do Norte, dedicada primeiro a rescatar, logo a impulsar e difundir, e sempre a apoiar iniciativas que potencien o camiño, que axuden aos camiñantes, que digan cada vez máis alto e máis lonxe que hai un Camiño que ven do norte dos nortes; que pola Costa de Lugo conduce a xentes dos paises septentrionais cara á cidade que garda os restos do Apóstolo e que ven ser unha das máis fermosas e afortunadas do mundo.

Os apóstolos proclaman verdades, empuxan accións, abren camiños… e deixan memoria clara do seu labor para as xeracións vindeiras. Santiago Iglesias Dobarrio proclamou a verdade do Camiño, empuxou coñecemento e mostrou realidade, abreu camiño e deixou herdanza na Asociación que axudou a crear… Santiago deixou memoria clara do seu labor para os que quedamos coa obriga de recoller a sua testemuña. E hoxe, precisamente hoxe –e sempre- é o momento de recoñecelo e de lembralo.

De apóstolos está feito o Camiño. De Santiagos –neste caso de nome e vocación- está feito o Camiño a Compostela. Honrando a Santiago Iglesias Dobarrio facemos xustiza a un home e a unha devoción; tamén a unha idea e unha fe. Por Santiago, de Abadín a Compostela!!!.

Copyright © 2026 Xulio Xiz. Todos os dereitos reservados