As pombas sempre se presentan como animais simbólicos da paz, figurando en todo tipo de soportes, xeralmente cun ramiño de oliveira no peteiro para lembrar que foi unha pomba a que, librada por Noé despois do diluvio, volveu á Arca anunciando que a vida brotaba na terra firme liberada da auga. Fronte á crenza xeral, lembro ter visto algún estudo que rebatía a simboloxía da paz tendo en conta o seu carácter predador, combativo, mesmo carnívoro atacando ou defendendo posicións.

Revivindo "Os paxaros" do mestre Hichtcock, non sabía a que carta quedarme coas pombas do centro, cando na Praza Maior invadiron a cafetería na que nos atopabamos, na percura do que quedaba nas mesas libres, temendo pola nosa seguridade coa concentración de exemplares, voos rasantes, invasión de espazos e aleteos en distancias ben máis curtas ca as recomendadas para combatir o Covid.

Diante desta furibunda invasión, enténdese que os edificios que adoitan invadir se protexan con elementos metálicos puntiagudos colocados nos saíntes, e a declaración combativa en lugares onde esta e outras especies pretenden acubillarse.

Escribindo isto, pregunteime se non estaría esaxerando, pero reafírmome acudindo á memoria visual que me segue a ofrecer imaxes incribles, á vez que me pregunto se ninguén estará interesado en tomar medidas que de novo convirtan a estas voadoras nos pacíficos animais que todos queremos ver.

A presencia das agresivas visitantes fíxonos abandoar o establecemento hosteleiro, animados asimesmo polo trato recibido, comprobando de novo a distancia con que alí tratan aos que non somos clientes habituais.

Copyright © 2026 Xulio Xiz. Todos os dereitos reservados