A pandemia da Covid estase a convertir na ladroa máis implacable dos tempos que levamos vivido, que nos vai arrincando a vida de xentes importantes nas nosas vidas, porque na vida son esenciales as relacións con persoas coas que temos anacos de vida que compartir.
[FOTO1]Este pasado domingo convertiuse nun día nefasto ao saber do pasamento de Xosé Ramón, o maior dos irmáns Ónega, de Mosteiro da Terra Chá, que desde Madrid prestixian aos galegos polo seu ser e facer.
Cunha vida intensa dedicada á política, á administración pública, á abogacía e á historia deste noso país, Xosé Ramón levaba máis dunha década sendo o perfecto embaixador dos galegos en Madrid, o primeiro dos madrigalegos que proclaman e prestixian a Galicia na capital das Españas.
Chegar á Casa de Galicia en Madrid, e ser atendidos por Xosé Ramón, anfitrión perfecto, era entender que estabamos na casa, en familia, en Galicia. Non sei se a Casa fora feita á súa medida, ou el enchía aquelas paredes con tal fervor pola terra e pola xente, que un entendía que mentres vivise este benquerido amigo aquela sería a súa casa, e polo tanto tamen a nosa.
Vai ser difícil entender que xa non está ali como embaixador dos galegos nunha cidade na que os galegos temos tanto que sentir. Pero seguro que a súa pegada quedará impresa na Casa e nas xentes, en todos os que por alí pasamos e puidemos comprobar que o "sentidiño" de Ónega marcou un tempo e un lugar.
Despedimos ao gran señor que un tempo foi compañeiro nestas páxinas e foi amigo de todos os que nalgún momento das nosas vidas tivemos a oportunidade de coñecer un chairego tan especial.
Biografía de Xosé Ramón Ónega.